luns, 25 de maio de 2015

GRAZAS POLA VOSA CONFIANZA



O BNG foi a única forza política das que estaban presentes na anterior corporación que aumentou en votos e en representación. O BNG obtivo 98 votos máis que nas anteriores eleccións; e tendo en conta que votaron preto de 300 persoas menos no total do concello, subimos a porcentaxe en máis de 4 puntos e conseguimos un concelleiro máis para a presente corporación, quedando a escasos votos de acadar a terceira concelleira. Un éxito relativo que visualiza o traballo feito tanto pola organización como polo anterior concelleiro, Arcadio Lombao.

Tomamos con extrema responsabilidade a confianza depositada en nós pola veciñanza de Outeiro de Rei e comprometémonos a usar ese apoio para traballar a reo na mellora das condicións de vida de todas as persoas do concello.


A partires de hoxe mesmo empeza a nova labor. Sabemos que é unha tarefa moi difícil, pero temos que conseguir que dentro de catro anos poidamos erradicar para sempre esta forma de gobernar e que o concello de Outeiro de Rei se normalice dun xeito democrático e económico.


Sabede que quedamos á vosa disposición para este traballo conxunto que nos espera. 

Moitas grazas a todas e todos.

mércores, 20 de maio de 2015

18 medidas para transformar Outeiro de Rei (IV)


O ABANDONO DOS ESPAZOS PÚBLICOS EN OUTEIRO DE REI



Quen se atrevería a deixar os nenos ou nenas nun espazo que presenta un estado coma se ve nestas fotografías?. Cal é o motivo de que con todas as persoas que ten contratado o concello non se dean arranxado nin sequera os espazos públicos de uso infantil? 
 
Observando o estado deste parque infantil, o que hai no Campo da Santa Isabel, danos unha idea da preocupación que ten o Alcalde de Outeiro polos servizos públicos e, concretamente neste caso, polo estado dos parques infantís onde xogan os nosos fillos e fillas. 

Gástanse os cartos para facer os parques, cartos que en moitos caso se supón que se sacan doutros investimentos, para logo deixalos totalmente abandonados e cunha imposibilidade material de utilizalos.

Esta situación aínda é máis grave se cabe, cando fai só unhas semanas tivo o concello un grupo de mozos e mozas nun obradoiro de xardinería, durante o cal limparon, por exemplo, os espazos comúns do polígono industrial, chegando incluso a plantar algunha árbore. Parece que para o señor Pardo ten máis importancia os xardín das parcelas do baleiras do polígono que os lugares de xogo das nosas nenas e nenos ou os sitos de descanso e paseo das veciñas e veciños do concello.

mércores, 13 de maio de 2015

DESPOIS DE MOITO TEMPO, EN PLENA CAMPAÑA ELECTORAL O ALCALDE LIMPA O PARQUE DOS ALARGOS

Despois de estar durante meses cheo de herba, silvas e toxos, a empresa da familia do Tenente de Alcalde veu o pasado luns limpar o parque das urbanizacións dos Alargos e Triaqua.

Parece que é de bastante mal gusto que despois de tanto tempo nese penoso estado, logo de levar as veciñas e veciños da zona solicitándoo de xeito continuado, logo de ofrecer unha imaxe penosa na entrada destas urbanizacións, o Alcalde decidira unha vez comezada a campaña electoral mandar a empresa de xardinería "oficial" do concello a limpar este parque.

Con esta medida parece que quere “tomarlle o pelo” á veciñanza destas urbanizacións, pois ao igual que o fixo agora, podía telo feito hai moito tempo. Debe pensar o señor Alcalde que o voto da xente dos Alargos se “compra” deste xeito.
A outra cuestión que resulta interesante é o feito de que sexa a empresa da familia do Tenente de Alcalde quen sempre leve a cabo este tipo de traballos. Ao final, parece que todo queda na familia de alguén relacionado co concello.

venres, 8 de maio de 2015

BOLETÍN DO BNG DO MES DE ABRIL

Xa está circulando o boletín do BNG do mes de abril. Descargádeo no enlace de abaixo e difundídeo. Vale a pena.



https://www.dropbox.com/s/b2pavfloizooc89/Boletin%20abril%202015%20color.pdf?dl=0

xoves, 7 de maio de 2015

Un equipo para transformar Outeiro de Rei

BNG-ASEMBLEAS ABERTAS PRESÉNTASE EN OUTEIRO  DE REI COMO A CANDIDATURA “NECESARIA” PARA “REMATAR CO CACIQUISMO E CONSTRUÍR UN CONCELLO DEMOCRÁTICO E ABERTO Á VECIÑANZA”


Co BNG-Asembleas Abertas no goberno de Outeiro traballaremos para que as múltiples potencialidades que ten o noso Concello se convirtan nos motores económicos e, así, garantir que a nosa mocidade non se vexa forzada a emigrar. 





Propostas “concretas e estudadas” e “traballo en equipo, intolerancia coa corrupción honradez e transparencia” son as máximas coas que o BNG-Asembleas Abertas se presenta ás eleccións municipais.

Un equipo para transformar Outeiro de Rei: Profesores, Técnicas, Desempregadas, Funcionarios, Artesáns, Labregos, Xubilados, Autónomos, Traballadores en xeral, ... 
Xente honesta, honrada e traballadora disposta a mudar a dinámica social de Outeiro de Rei. Nós estamos dispostos ... E os demais?





mércores, 6 de maio de 2015

Política de contratación de persoal no Concello de Outeiro de Rei (II)

O "ENCHUFISMO É UNHA FORMA DE CORRUPCIÓN QUE LLE ROUBA A ESPERANZA E A ILUSIÓN Á MOCIDADE

Cando se rouban cartos, estes pódense reucuperar, devolver ou volver a gañar. Cando se rouba o traballo ou o esforzo, este non se pode recuperar xamais e as cicatrices nunca curan de todo


Cando algún político decide roubarlle un traballo a quen de verdade o merece por mérito e capacidade, non só está a quitarlle unha das cousas máis valiosas que unha persoa pode ter, senón que tamén está a mandar unha mensaxe moi perigosa á sociedade, sobre todo cara a xente máis moza.


Que o esforzo e o traballo non serven para nada, que tan só é válido ter un bo “enchufe”, son as ideas e valores que este tipo de actuacións sementan na nosa mocidade, provocando que se convertan en súbditos, no canto de cidadáns que exercen os seus dereitos en liberdade. Este é o camiño máis curto que ten un político para conseguir unha sociedade submisa composta de monicreques ao seu servizo.


A solución: A creación dunha Mesa Municipal de Contratación

O BNG leva anos propoñendo a creación dunha mesa de contratación municipal onde estean representados todos os sectores políticos e sociais do concello e que garantan o principio de igualdade, mérito e capacidade nas contratacións e adxudicacións. Neste tipo de actuacións públicas a limpeza debería ser a prioridade absoluta e que non deixara lugar a ningún tipo de dúbida.

Ver como, convocatoria tras convocatoria, xa se sabe “a priori” quen vai aprobar, comprobar que son os e as parentes quen obtén sempre os mellores postos ou observar como a xente que se está a contratar para os traballos temporais son os mesmos que os que están de interventores e/ou de apoderados nas mesas electorais durante as eleccións é unha imaxe que un concello serio non pode permitirse.

Dirannos que todo é legal, dirán que os que entran son os que o merecen. Para o BNG todo isto non pode ser casualidade, ningunha explicación resulta crible. É estatisticamente imposible!.

Candidatura do BNG de Outeiro de Rei: Luís Regueiro Otero (9)

Perfil dos candidatos e candidatas do BNG en Outeiro de Rei: Luís Regueiro Otero, número 9


martes, 5 de maio de 2015

O Concello de Outeiro de Rei, un concello "moi familiar"

O ENCHUFISMO MASIVO NO CONCELLO DE OUTEIRO DE REI

Probablemente un caso único en todo o país que avergonza a todos e todas as que vivimos no concello

O BNG leva anos reclamando a constitución dunha mesa de contratación municipal que impida estas situacións e garanta os principios de igualdade, mérito e capacidade.

O señor alcalde, ao igual que o PP, sempre defende o privado e as privatizacións, pero as fillas e fillos deles acaban “blindados” no corpo de funcionarios do concello

Cando menos 12 persoas pertencentes á familia do Alcalde, do anterior Alcalde e dunha funcionaria de confianza están contratadas ou traballan, dun xeito directo ou indirecto, para o Concello 

Pode ser como funcionarios, como o caso dos fillos dos dous últimos alcaldes do PP, pode ser como laborais, tamén pode ser como persoal contratado polo concello ou por empresas adxudicatarias ou pode ser de calquera outro xeito. O caso é que ata 12 persoas que cobran do concello están relacionadas cos tres grupos familiares que gobernan dunha ou doutra forma o concello de Outeiro de Rei.





A solución: A creación dunha Mesa Municipal de Contratación

O BNG leva anos propoñendo a creación dunha mesa de contratación municipal onde estean representados todos os sectores políticos e sociais do concello e que garantan o principio de igualdade, mérito e capacidade nas contratacións e adxudicacións. Neste tipo de actuacións públicas a limpeza debería ser a prioridade absoluta e que non deixara lugar a ningún tipo de dúbida.

Ver como, convocatoria tras convocatoria, xa se sabe “a priori” quen vai aprobar, comprobar que son os e as parentes quen obtén sempre os mellores postos ou observar como a xente que se está a contratar para os traballos temporais son os mesmos que os que están de interventores e/ou de apoderados nas mesas electorais durante as eleccións é unha imaxe que un concello serio non pode permitirse.


Dirannos que todo é legal, dirán que os que entran son os que o merecen. Para o BNG todo isto non pode ser casualidade, ningunha explicación resulta crible. É estatisticamente imposible!.

luns, 4 de maio de 2015

domingo, 3 de maio de 2015

Non tratar as propostas do BNG, outro exemplo da tiranía do Alcalde nos Plenos

O ALCALDE NÉGASE A TRATAR CATRO MOCIÓNS PRESENTADAS POLO BNG PARA O ÚLTIMO PLENO

O señor Pardo negouse a trata catro mocións que o BNG presentara en tempo e forma para convertelas en simples rogos e deste xeito evitar que tivera que votar e, ademais, non ter que debater a súa idoneidade co concelleiro do BNG.

Con estas actuacións entran dentro da mesma estratexia que a de negar os locais para ter a reunión coas veciñas e veciños. É dicir, o señor Alcalde intenta con todo isto acalar ao BNG e que o conxunto da cidadanía non poida coñecer cales son as propostas que o BNG ten para o concello de Outeiro de Rei.

As moción presentadas eran as seguintes:

O camiño das Caldas, en Cela
Os primeiro destes camiños, o das Caldas en Cela, ten a característica do baixo custe, pois máis que nada consistiría na súa limpeza, tanto do firme como da maleza e das polas que impiden o paso por el e, ademais, poñerlle un pouco de xabre para que se poida pasar por el, ben sexa para pasear ao longo do río e das insuas ou para servizo das fincas dos lindes. Isto é o mesmo que se fixo no camiño anterior a este, entre a Trabanca e o Porto Acustil cun resultado satisfactorio.


O camiño entre Santa Mariña e o Polígono de Outeiro
En canto ao segundo, o que une Santa Mariña co Polígono de Outeiro, tamén tería un baixo custe para o concello pois tan só terían que darlle a última capa de asfalto pois xa está afirmado coas cunetas xa feitas e sendo ancho dabondo. Neste caso con moi pouco investimento daríase un servizo moi importante ás veciñas e veciños da zona.


Estrada vella entre a N-VI e a Ponte Vella sobre o Miño
Por último no referente a camiños, está a estrada vella que vai á Ponte Vella do Miño. Neste caso, trátase de aprobar a solicitude para que este arranxo o faga o Ministerio de Fomento, propietario desta estrada. Neste caso non é comprensible o abandono que esta vía de comunicación tivo durante décadas, sen que ningunha administración se tomara en serio o seu arranxo.
So unha incompetencia manifesta pode explicar isto.
Trátase dunha solicitude, co que tampouco suporía custe efectivo para as arcas do concello.
Dende o BNG tamén faremos as iniciativas oportunas en Madrid para que se proceda ao seu arranxo definitivo.


Eliminación das vías de servizo do proxecto urbanístico da vila de Outeiro
Tamén para este pleno, tal e como xa se informou no anterior boletín, está presentada unha moción para que se solicite a Fomento que transfira ao concello o tramo de N-VI que pasa pola vila convertido en travesía e unha vez urbanizado polo propio Ministerio, tal e como aconteceu nas outras vilas pola que pasa esta estrada.
Tamén se solicita que unha vez feito isto, se eliminen as vías de servizo do proxecto urbanístico previsto para a vila de Outeiro.

(Enlace ao texto da moción)       (Información páxina do BNG)

Candidatura do BNG de Outeiro de Rei: Xosé Ramón Rodríguez Iglesias (7)

Perfil dos candidatos e candidatas do BNG en Outeiro de Rei: Xosé Ramón Rodríguez Iglesias, número 7



sábado, 2 de maio de 2015

O Alcalde impide que o BNG se reúna coas veciñas e veciños

O ALCALDE DE OUTEIRO NÉGALLE AO BNG UN LOCAL PARA FACER UN ACTO PÚBLICO E ABERTO A TODA A CIDADANÍA


A semana pasada o Alcalde de Outeiro negoulle un local ao BNG para organizar un acto público de información e debate aberto a toda a cidadanía.

Este local fora solicitado en tempo e forma para o día 30 de abril, fóra do que son as datas oficiais da campaña electoral. Tamén dicir que o local solicitado era o Auditorio Municipal, local que non está posto a disposición da Xunta Electoral como local para actos electorais durante a campaña.

O alcalde denégalle este local ao BNG aducindo que durante a campaña electoral é a propia Xunta Electoral quen regula a concesión dos locais postos á súa disposición.

Isto resulta un intento de acalar ao BNG e evitar que a cidadanía teña información sobre as propostas do BNG dado que as argumentacións usadas polo Alcalde son totalmente ridículas e carentes de sentido:
  • A campaña electoral comeza o día 8 de maio ás 00:00 horas, co que o día 30 de abril non é campaña electoral de xeito oficial. Debido a iso, o concello pode dispor con normalidade dos seus locais, ao igual que ocorreu en todos os concellos do arredor.
  • A lei que regula esta cuestión é unha lei garantista, nunca restritiva. Esta lei está deseñada para garantir que todas as organizacións políticas teñan acceso aos locais, nunca para evitar que os partidos da oposición poidan celebrar actos coa cidadanía en locais públicos.
  • Por último, o local solicitado non forma parte dos locais posto a disposición da Xunta Electoral  polo concello, polo que nin tan sequera esta tería competencia sobre un permiso para o seu uso, incluso dentro da campaña electoral.


En todo caso, o BNG seguirá a denunciar en todos os foros estas actitudes predemocráticas, propias doutros séculos e que avergonzan a todas as veciñas e veciños de Outeiro. O Alcalde non conseguirá acalar ao BNG e seguiremos a informar de todos os xeitos posíbeis á veciñanza de todas a nosas propostas para o concello de Outeiro de Rei.


venres, 1 de maio de 2015

mércores, 29 de abril de 2015

O negocio dos Plenos Municipais no concello de Outeiro de Rei

O ALCALDE SEGUE A REPARTIR CARTOS ENTRE OS CONCELLEIROS A BASE DE AGRUPAR PLENOS E CONVOCALOS DE XEITO EXTRAORDINARIO


Cambiou a data do pleno ordinario do venres ao luns para facelo coincidir co pleno extraordinario de elección de membros das mesa electorais e así cobrar dúas dietas por asistencia.

Esta circunstancia súmase a outro pleno totalmente innecesario que convocara o pasado 10 de abril que durou 20 minutos e que tiña como único obxectivo o de repartir os 180 € entre os concelleiros. 
(información pleno do 10 de abril)



Ao BNG de Outeiro de Rei prodúcelle unha profunda indignación o sucedido nos Plenos Municipais do concello de Outeiro de Rei convocados no día de onte, 27 de abril, e no convocado o pasado 10 de abril.

Por unha banda, o Alcalde de forma unilateral e sen previo aviso aos partidos da oposición, polo menos ao BNG, cambiou a data do Pleno Ordinario previsto para o pasado venres día 24 abril para trasladalo a este luns día 27. O máis grave disto foi cando descubrimos que o único motivo deste cambio era facelo coincidir coa celebración doutro pleno extraordinario convocado para o mesmo luns para designar por sorteo aos membros das mesas electorais para as eleccións municipais do próximo 24 de maio.

Temos que manifestar que entre o Pleno Extraordinario de designación de membros das Mesas e o Pleno Ordinario correspondente ao mes de abril e que fora cambiado de data, o alcalde deixou 10 minutos de descanso co único obxectivo de que dese xeito figuraran como dous plenos distintos e así os concelleiros poideran cobrar unha dobre dieta de 180 € por cada pleno.

Deste xeito, por esta decisión do alcalde cada concelleiro cobra unha cantidade de 360 € pola asistencia a uns plenos que empezaron ás 13:00 horas e duraron pouco máis dunha hora.

Esta situación súmase a outro pleno extraordinario que o Alcalde convocou o pasado 10 de abril cun único punto na orde do día sobre un tema de urbanismo que non tiña ningún tipo de urxencia nin de prazos e que podería esperar sen ningún problema ao pleno ordinario de finais de abril. O único obxectivo deste pleno convocado para as 13:00 horas e que durou 20 minutos foi a de entregar outra gratificación de 180 € aos seus concelleiros en forma de dietas por asistencia.

Dende o BNG cremos que tanto a convocatoria dese pleno do 10 de abril como o feito de cobrar os dous plenos consecutivos deste luns son unha forma do Alcalde de repartir un “sobre” de 540 € a cada concelleiro e representa un fraude ás arcas municipais e unha estafa a todas as veciñas e veciños de Outeiro de Rei. Posiblemente sexa legal pero a nós parécenos, cando menos, completamente inmorais e carentes de ética este tipo de actuacións.