O alcalde vota en contra de que os libros de texto sexan
gratis e a favor de que se cambien os libros ese curso
“Non pode
pretenderse un “todo gratis” xa que remataría coa quebra do estado”
“É un erro pensar que canto máis se gasta en educación esta será de mellor calidade”
Estes son algúns dos argumentos utilizados polo señor
Pardo para xustificar o voto en contra o 28 de abril de 2014 a unha moción presentada
polo BNG na cal se solicitaba á Xunta a volta ao sistema de préstamo universal,
a gratuidade total de medios no ensino público e que non se cambiaran os libros
de texto para o presente curso 2014/2015, pola implantación da LOMCE.
Esta modificación da lexislación aplicada en 1º, 3º e 5º
de primaria e no 1º de FP básica, significa a compra de novos manuais adaptados
á norma o cal sumado ao recorte por parte da Xunta do 40% no financiamento dos
libros de texto e material para o ensino obrigatorio, respecto ao ano anterior,
coloca a moitas familias nunha situación dramática.
A pesares disto, o alcalde “sacou peito” manifestado que:
“Se se cambia a lei
é lóxico que cambien os libros, e boa falta fará que cambie xa que co modelo
educativo vixente os resultados son preocupantes”.
“Ese modelo é moi mellorábel e ten una carga ideolóxica moi importante”.
As opinións do rexedor municipal non teñen desperdicio,
presumindo de coñecedor profundo da anterior lei educativa non dubida en agasallar
á Corporación con sentenzas filosóficas de alto nivel, propias dun auténtico erudito,
tal como a expresada antes de votar en contra do escrito presentado polo Bloque
Nacionalista Galego:
“Non é xusto que un
cidadán con un salario pequeno teña que pagar os seus impostos para que os
libros de texto saian gratis a un gran empresario ou a un home con un gran
capital…”.
Do que non falou o señor alcalde foi da inxustiza
cometida cando ese cidadán “con un salario pequeno” ou “sen salario” ten que
pagar os libros dos seus fillos por mor da lei aprobada polo seu partido ou da
rebaixa de impostos que o PP lles está a facer ano tras ano a eses homes con “gran
capital”, tal e como di el.
A verdade é que o concello de Outeiro de Rei ten outras
moitas cousas que compensan sobradamente as barbaridades que di e fai o señor
Alcalde, pois hai veces que un sinte vergoña allea cando o escoita dicir á máxima
representación política do concello estas sandeces.