mércores, 25 de febreiro de 2015

O BNG designa cabeza de lista para as Eleccións Municipais de maio

XOSÉ FERREIRO ENCABEZARÁ A CANDIDATURA DO BNG-ASAMBLEAS ABERTAS EN OUTEIRO DE REI

Xosé Ferreiro dixo que “en Outeiro de Rei ten que cambiar o xeito de gobernar, non pode ser que no século XXI continuemos como na idade media”

“O BNG non vai permitir actuacións contra os intereses da xente e traballaremos por preservar o patrimonio histórico-artístico do concello” sinalou o candidato nacionalista


Xosé Ferreiro Fernández será o cabeza de lista do BNG á alcaldía do concello de Outeiro de Rei nas vindeiras eleccións municipais. Xosé Ferreiro, é militante do BNG e forma parte da executiva comarcal. Xosé Ferreiro, que foi secretario comarcal da CIG, naceu en Begonte, no ano 1965, e reside na parroquia de Cela en Outeiro de Rei. Xosé Ferreiro en licenciado en física e profesor de matemáticas. Ferreiro foi elixido por unanimidade pola asamblea local do BNG de Outeiro de Rei para substituir ao actual voceiro municipal Arcadio Lombao que, a pesares de participar na candidatura, non a encabezará por motivos persoais.
Xosé Ferreiro dixo que “temos que rematar coas cacicadas deste goberno do PP que solo traballa para favorecer a uns poucos amigos do alcalde e non lle importa pisar os dereitos dos veciños e veciñas” e engadiu que “o BNG é a única forza que defendeu e defende á xente de Outeiro de Rei e traballa por mellorar todas as parroquias do concello”. O candidato nacionalista sinalou que “o BNG ten moi claro que en Outeiro de Rei ten 

que cambiar o xeito de gobernar, non pode ser que no século XXI se continue a gobernar como na idade media”. Para o candidato do BNG “é fundamental que teñamos o máximo apoio da xente para poder ter a forza necesaria no concello á hora de cambiar o xeito de facer as cousas”.
Xosé Ferreiro fixo un especial agradecemento a Arcadio Lombao e destacou o seu traballo durante estes anos no que foi voceiro do BNG no concello de Outeiro de Rei e sinalou que “é un exemplo de honestidade e defensa do país”. O candidato do BNG afirmou que “no BNG prima o traballo e o pensamento colectivo ao servizo do país”.