luns, 9 de marzo de 2015

O BNG proporá a eliminación das vías de servizo na vila de Outeiro de Rei



O BNG LEVARÁ AO PLENO A PROPOSTA DE SOLICITAR A FOMENTO  QUE ELIMINE AS VÍAS DE SERVIZO NA VILA DE OUTEIRO DE REI


Cambiar o planeamento urbanístico por parte do Concello e a aceptación por Fomento da declaración de travesía urbana é o camiño a seguir


Facer isto, sen custe para o concello, eliminaría o problema creado polo Alcalde coa Proposta de Delimitación Polígonos Urbanos na vila


O BNG presentou no concello unha moción encamiñada a que o Pleno do Concello de Outeiro de Rei tome a decisión unánime de solicitar ao Ministerio de Fomento que elimine as vías de servizo previstas e, ao mesmo tempo, que acepte a solicitude do propio Pleno de Outeiro de Rei para declarar a travesía urbana da vila de Outeiro de Rei. Loxicamente, isto tería que ir acompañado do cambio por parte do Concello do planeamento urbanístico da vila.

Con estas medidas, lograríase que todos os problemas creados polo Alcalde coa proposta de Delimitación de Polígonos Urbanos que publicou o pasado ano quedaran resoltos e, ademais, que a vila de Outeiro tivera o mesmo tratamento que as outras vilas polas que pasa a Nacional VI, é dicir, cunha estrada, cun aparcamento e unhas beira rúas “normais”, sen necesidade de expropiarlles un bo bocado ás fincas do carón e sen que os seus propietarios tivesen que pagar uns cartos que en moitos casos non teñen ou que non os valen as propias parcelas.

A proposta está nas mans do Alcalde. Agora a esperar a decisión que toma.

Enlace á copia da moción presentada