mércores, 29 de abril de 2015

O negocio dos Plenos Municipais no concello de Outeiro de Rei

O ALCALDE SEGUE A REPARTIR CARTOS ENTRE OS CONCELLEIROS A BASE DE AGRUPAR PLENOS E CONVOCALOS DE XEITO EXTRAORDINARIO


Cambiou a data do pleno ordinario do venres ao luns para facelo coincidir co pleno extraordinario de elección de membros das mesa electorais e así cobrar dúas dietas por asistencia.

Esta circunstancia súmase a outro pleno totalmente innecesario que convocara o pasado 10 de abril que durou 20 minutos e que tiña como único obxectivo o de repartir os 180 € entre os concelleiros. 
(información pleno do 10 de abril)



Ao BNG de Outeiro de Rei prodúcelle unha profunda indignación o sucedido nos Plenos Municipais do concello de Outeiro de Rei convocados no día de onte, 27 de abril, e no convocado o pasado 10 de abril.

Por unha banda, o Alcalde de forma unilateral e sen previo aviso aos partidos da oposición, polo menos ao BNG, cambiou a data do Pleno Ordinario previsto para o pasado venres día 24 abril para trasladalo a este luns día 27. O máis grave disto foi cando descubrimos que o único motivo deste cambio era facelo coincidir coa celebración doutro pleno extraordinario convocado para o mesmo luns para designar por sorteo aos membros das mesas electorais para as eleccións municipais do próximo 24 de maio.

Temos que manifestar que entre o Pleno Extraordinario de designación de membros das Mesas e o Pleno Ordinario correspondente ao mes de abril e que fora cambiado de data, o alcalde deixou 10 minutos de descanso co único obxectivo de que dese xeito figuraran como dous plenos distintos e así os concelleiros poideran cobrar unha dobre dieta de 180 € por cada pleno.

Deste xeito, por esta decisión do alcalde cada concelleiro cobra unha cantidade de 360 € pola asistencia a uns plenos que empezaron ás 13:00 horas e duraron pouco máis dunha hora.

Esta situación súmase a outro pleno extraordinario que o Alcalde convocou o pasado 10 de abril cun único punto na orde do día sobre un tema de urbanismo que non tiña ningún tipo de urxencia nin de prazos e que podería esperar sen ningún problema ao pleno ordinario de finais de abril. O único obxectivo deste pleno convocado para as 13:00 horas e que durou 20 minutos foi a de entregar outra gratificación de 180 € aos seus concelleiros en forma de dietas por asistencia.

Dende o BNG cremos que tanto a convocatoria dese pleno do 10 de abril como o feito de cobrar os dous plenos consecutivos deste luns son unha forma do Alcalde de repartir un “sobre” de 540 € a cada concelleiro e representa un fraude ás arcas municipais e unha estafa a todas as veciñas e veciños de Outeiro de Rei. Posiblemente sexa legal pero a nós parécenos, cando menos, completamente inmorais e carentes de ética este tipo de actuacións.