mércores, 6 de maio de 2015

Política de contratación de persoal no Concello de Outeiro de Rei (II)

O "ENCHUFISMO É UNHA FORMA DE CORRUPCIÓN QUE LLE ROUBA A ESPERANZA E A ILUSIÓN Á MOCIDADE

Cando se rouban cartos, estes pódense reucuperar, devolver ou volver a gañar. Cando se rouba o traballo ou o esforzo, este non se pode recuperar xamais e as cicatrices nunca curan de todo


Cando algún político decide roubarlle un traballo a quen de verdade o merece por mérito e capacidade, non só está a quitarlle unha das cousas máis valiosas que unha persoa pode ter, senón que tamén está a mandar unha mensaxe moi perigosa á sociedade, sobre todo cara a xente máis moza.


Que o esforzo e o traballo non serven para nada, que tan só é válido ter un bo “enchufe”, son as ideas e valores que este tipo de actuacións sementan na nosa mocidade, provocando que se convertan en súbditos, no canto de cidadáns que exercen os seus dereitos en liberdade. Este é o camiño máis curto que ten un político para conseguir unha sociedade submisa composta de monicreques ao seu servizo.


A solución: A creación dunha Mesa Municipal de Contratación

O BNG leva anos propoñendo a creación dunha mesa de contratación municipal onde estean representados todos os sectores políticos e sociais do concello e que garantan o principio de igualdade, mérito e capacidade nas contratacións e adxudicacións. Neste tipo de actuacións públicas a limpeza debería ser a prioridade absoluta e que non deixara lugar a ningún tipo de dúbida.

Ver como, convocatoria tras convocatoria, xa se sabe “a priori” quen vai aprobar, comprobar que son os e as parentes quen obtén sempre os mellores postos ou observar como a xente que se está a contratar para os traballos temporais son os mesmos que os que están de interventores e/ou de apoderados nas mesas electorais durante as eleccións é unha imaxe que un concello serio non pode permitirse.

Dirannos que todo é legal, dirán que os que entran son os que o merecen. Para o BNG todo isto non pode ser casualidade, ningunha explicación resulta crible. É estatisticamente imposible!.