sábado, 2 de maio de 2015

O Alcalde impide que o BNG se reúna coas veciñas e veciños

O ALCALDE DE OUTEIRO NÉGALLE AO BNG UN LOCAL PARA FACER UN ACTO PÚBLICO E ABERTO A TODA A CIDADANÍA


A semana pasada o Alcalde de Outeiro negoulle un local ao BNG para organizar un acto público de información e debate aberto a toda a cidadanía.

Este local fora solicitado en tempo e forma para o día 30 de abril, fóra do que son as datas oficiais da campaña electoral. Tamén dicir que o local solicitado era o Auditorio Municipal, local que non está posto a disposición da Xunta Electoral como local para actos electorais durante a campaña.

O alcalde denégalle este local ao BNG aducindo que durante a campaña electoral é a propia Xunta Electoral quen regula a concesión dos locais postos á súa disposición.

Isto resulta un intento de acalar ao BNG e evitar que a cidadanía teña información sobre as propostas do BNG dado que as argumentacións usadas polo Alcalde son totalmente ridículas e carentes de sentido:
  • A campaña electoral comeza o día 8 de maio ás 00:00 horas, co que o día 30 de abril non é campaña electoral de xeito oficial. Debido a iso, o concello pode dispor con normalidade dos seus locais, ao igual que ocorreu en todos os concellos do arredor.
  • A lei que regula esta cuestión é unha lei garantista, nunca restritiva. Esta lei está deseñada para garantir que todas as organizacións políticas teñan acceso aos locais, nunca para evitar que os partidos da oposición poidan celebrar actos coa cidadanía en locais públicos.
  • Por último, o local solicitado non forma parte dos locais posto a disposición da Xunta Electoral  polo concello, polo que nin tan sequera esta tería competencia sobre un permiso para o seu uso, incluso dentro da campaña electoral.


En todo caso, o BNG seguirá a denunciar en todos os foros estas actitudes predemocráticas, propias doutros séculos e que avergonzan a todas as veciñas e veciños de Outeiro. O Alcalde non conseguirá acalar ao BNG e seguiremos a informar de todos os xeitos posíbeis á veciñanza de todas a nosas propostas para o concello de Outeiro de Rei.