O ENCHUFISMO MASIVO NO CONCELLO DE OUTEIRO DE REI
Probablemente un caso único en todo o país que avergonza a todos e todas as que vivimos no concello
O BNG leva anos reclamando a constitución dunha mesa de contratación municipal que impida estas situacións e garanta os principios de igualdade, mérito e capacidade.
O señor alcalde, ao igual que o PP, sempre defende o privado e as privatizacións, pero as fillas e fillos deles acaban “blindados” no corpo de funcionarios do concello
Cando menos 12 persoas pertencentes á familia do Alcalde, do anterior Alcalde e dunha funcionaria de confianza están contratadas ou traballan, dun xeito directo ou indirecto, para o Concello
Pode ser como funcionarios, como o caso dos fillos dos dous últimos alcaldes do PP, pode ser como laborais, tamén pode ser como persoal contratado polo concello ou por empresas adxudicatarias ou pode ser de calquera outro xeito. O caso é que ata 12 persoas que cobran do concello están relacionadas cos tres grupos familiares que gobernan dunha ou doutra forma o concello de Outeiro de Rei.
A solución: A creación dunha Mesa Municipal de Contratación
O BNG leva anos propoñendo a creación dunha mesa de contratación municipal onde estean representados todos os sectores políticos e sociais do concello e que garantan o principio de igualdade, mérito e capacidade nas contratacións e adxudicacións. Neste tipo de actuacións públicas a limpeza debería ser a prioridade absoluta e que non deixara lugar a ningún tipo de dúbida.
Ver como, convocatoria tras convocatoria, xa se sabe “a priori” quen vai aprobar, comprobar que son os e as parentes quen obtén sempre os mellores postos ou observar como a xente que se está a contratar para os traballos temporais son os mesmos que os que están de interventores e/ou de apoderados nas mesas electorais durante as eleccións é unha imaxe que un concello serio non pode permitirse.
Dirannos que todo é legal, dirán que os que entran son os que o merecen. Para o BNG todo isto non pode ser casualidade, ningunha explicación resulta crible. É estatisticamente imposible!.