domingo, 3 de maio de 2015

Non tratar as propostas do BNG, outro exemplo da tiranía do Alcalde nos Plenos

O ALCALDE NÉGASE A TRATAR CATRO MOCIÓNS PRESENTADAS POLO BNG PARA O ÚLTIMO PLENO

O señor Pardo negouse a trata catro mocións que o BNG presentara en tempo e forma para convertelas en simples rogos e deste xeito evitar que tivera que votar e, ademais, non ter que debater a súa idoneidade co concelleiro do BNG.

Con estas actuacións entran dentro da mesma estratexia que a de negar os locais para ter a reunión coas veciñas e veciños. É dicir, o señor Alcalde intenta con todo isto acalar ao BNG e que o conxunto da cidadanía non poida coñecer cales son as propostas que o BNG ten para o concello de Outeiro de Rei.

As moción presentadas eran as seguintes:

O camiño das Caldas, en Cela
Os primeiro destes camiños, o das Caldas en Cela, ten a característica do baixo custe, pois máis que nada consistiría na súa limpeza, tanto do firme como da maleza e das polas que impiden o paso por el e, ademais, poñerlle un pouco de xabre para que se poida pasar por el, ben sexa para pasear ao longo do río e das insuas ou para servizo das fincas dos lindes. Isto é o mesmo que se fixo no camiño anterior a este, entre a Trabanca e o Porto Acustil cun resultado satisfactorio.


O camiño entre Santa Mariña e o Polígono de Outeiro
En canto ao segundo, o que une Santa Mariña co Polígono de Outeiro, tamén tería un baixo custe para o concello pois tan só terían que darlle a última capa de asfalto pois xa está afirmado coas cunetas xa feitas e sendo ancho dabondo. Neste caso con moi pouco investimento daríase un servizo moi importante ás veciñas e veciños da zona.


Estrada vella entre a N-VI e a Ponte Vella sobre o Miño
Por último no referente a camiños, está a estrada vella que vai á Ponte Vella do Miño. Neste caso, trátase de aprobar a solicitude para que este arranxo o faga o Ministerio de Fomento, propietario desta estrada. Neste caso non é comprensible o abandono que esta vía de comunicación tivo durante décadas, sen que ningunha administración se tomara en serio o seu arranxo.
So unha incompetencia manifesta pode explicar isto.
Trátase dunha solicitude, co que tampouco suporía custe efectivo para as arcas do concello.
Dende o BNG tamén faremos as iniciativas oportunas en Madrid para que se proceda ao seu arranxo definitivo.


Eliminación das vías de servizo do proxecto urbanístico da vila de Outeiro
Tamén para este pleno, tal e como xa se informou no anterior boletín, está presentada unha moción para que se solicite a Fomento que transfira ao concello o tramo de N-VI que pasa pola vila convertido en travesía e unha vez urbanizado polo propio Ministerio, tal e como aconteceu nas outras vilas pola que pasa esta estrada.
Tamén se solicita que unha vez feito isto, se eliminen as vías de servizo do proxecto urbanístico previsto para a vila de Outeiro.

(Enlace ao texto da moción)       (Información páxina do BNG)