OS MUÍÑOS DE GUEVARA
Augas arriba da Pontenova, un lugar histórico de paso que permitía cruzar o Miño en dirección ás terras de Cospeito, están enclavados os coñecidos como Muíños de Guevara. A construcción conserva o nome da familia propietaria que fora posuídora dunha casa grande na parroquia de Taboi. Estes muíños responden ao modelo das grandes aceas, construídas no río Miño, capaces de atender a demanda, durante boa parte do ano, de extensas comarcas productoras de cereais. Na área de influencia do noso concello podemos ver exemplos da mesma tipoloxía nos Muíños de Barrera,situados fronte da Trabanca, os de Felpás en Santa Mariña, e os de Santa Isabel situados por baixo da carballeira de idéntico nome, na vila de Outeiro.
No caso que agora citamos, decir que esta construcción está situada na beira esquerda do río e para acceder á mesma facíase preciso baixar por unha corredoira que en tempo invernizo presentaba grandes dificultades por quedar asulagada con frecuencia. Pola marxe dereita, dende Santalla de Sisoi e Arcillá entre outros lugares, chegaban así mesmo cargas de gran para moer que o muiñeiro ía buscar na barca que ficaba amarrada nun embarcadoiro construído no mesmo caneiro que desviaba a auga precisa para o funcionamento das catro pedras que posuía o muíño.
O pago por transformar o gran en fariña nestes muíños realizábase en especie, a chamada maquía, consistente nunha cantidade estipulada por cada ferrado ou fanega de cereal que se moía. No ano 1.753, existe na parroquia de Taboi un muíño, de maquía, dunha pedra que moe seis meses ao ano propiedade de Juan Guevara.