Órganos inventados para pagarlles a asignación económica aos concelleiros do PP
No pleno celebrado o 24 de xuño de 2011 o alcalde señor Pardo aprobou por decreto a creación da “Xunta de goberno local” e dunha chamada “Comisión de coordinación do goberno local”. O primeiro destes dous órganos colexiados, creado sen ter obriga legal por non ter daquela o noso concello máis de cinco mil habitantes, estaría formado polo propio alcalde, como presidente, e tres concelleiros. No segundo deles participarían, a maiores do alcalde, todos os concelleiros e concelleiras do PP que ostentasen algunha delegación do Pleno, que veñen a ser outras catro persoas máis das incluídas na Xunta de goberno, é dicir, os oito concelleiro do PP.
As sucesivas modificacións da Lei de Réxime Local, aprobadas por PP e PSOE, foran quitando cada vez máis competencias aos Plenos para deixar en mans dos alcaldes o control dos concellos. Utilizando este mecanismo o señor Pardo creou estes órganos para delegar neles as funcións do Pleno de Outeiro procurando deste modo fuxir do control exercido polos concelleiros e concelleiras da oposición e deixar as reunións Plenarias valeiras de contido, reducidas á mínima expresión e mesmo, en moitas ocasións, utilizadas para cuestións de trámite ou anecdóticas.
Por outra banda a creación destes órganos colexiados foi deseñada para “premiar” aos concelleiros/as do Partido Popular os cales perciben as retribucións económicas estipuladas (80 euros) por cada ocasión que as citadas comisións se celebran. Sumando a isto as cantidades percibidas por asistencia aos mencionados Plenos e outras partidas como o salario do propio alcalde, dietas e quilometraxes, observamos como “funciona”, economicamente falando, a equipa de goberno do PP dirixida polo señor alcalde.