xoves, 16 de abril de 2015

Nota de prensa: Persisten os problemas de limpeza e hixiénicos no colexio de Outeiro de Rei



Dado que os problemas de limpeza e hixiénicos no colexio de Outeiro non só persisten, senón que seguen  aumentando e dado que o concello e a Inspección Educativa seguen sen solucionalo a pesares das reiteradas denuncias, o BNG de Outeiro mandou hoxe mesmo unha nota de prensa denunciando a situación:

Enlace para o texto íntegro da nota de prensa

NOTA DE PRENSA

PROBLEMAS DE LIMPEZA E DE MALOS OLORES NO COLEXIO DE OUTEIRO DE REI

O BNG de Outeiro de Rei quere denunciar publicamente as condicións de limpeza, que xa derivan en problemas hixiénicos, existente no colexio “Laverde Ruíz” de Outeiro de Rei. Dende fai xa meses vénse arrastrando esta situación de falta de limpeza e de malos olores neste colexio, sen que nin o Alcalde de Outeiro de Rei nin a Inspección Educativa sexan capaces de solucionalo.
A ANPA deste colexio xa se puxo en contacto por escrito co Concello de Outeiro o pasado 14 de outubro, non sendo este capaz de solucionar o problema a día de hoxe e provocando unha auténtica situación que pode derivar incluso nun problema de saúde pública. É máis, de non solucionarse a situación nos próximos días, dende o BNG recorreremos ao departamento de sanidade para que tome cartas no asunto.
No Pleno Municipal celebrado en febreiro, o Alcalde, a instancia dunha pregunta feita polo BNG, asegurou que o problema estaría resolto no mes de marzo, cuestión que como pode verse estes días resultou ser completamente falsa. Tamén cómpre destacar que a solución atopada polo Alcalde foi a de privatizar o servizo de limpeza do colexio, a pesares de ter contratada xa unha persoa a tempo completo para este traballo e ser  o concello con máis persoal contratado por habitante de toda a comarca.
Tamén é de destacar que a Xefatura Territorial de Lugo non fixo absolutamente nada neste asunto a pesares da entrevista mantida pola ANPA co Inspector do centro fai xa case dous meses, entrevista e denuncia que polo que se ve tampouco serviu para nada.
Dende o BNG instamos ao concello de Outeiro de Rei e á Xefatura Territorial da Consellería de Educación de Lugo a que actúen de xeito urxente sobre este problema e, de non facelo, que faga un estudo sanitario para saber se os nenos e nenas pode seguir a asistir ás clases sen ningún risco e deste xeito poidan estar con tranquilidade os seus pais e nais.
En Outeiro de Rei, a 16 de abril de 2015