martes, 21 de abril de 2015

Concello de Outeiro: Único cobrando taxas aos seus veciños e veciñas



O concello de Outeiro de Rei aplica un “taxazo” aos seus veciños e veciñas


O concello de Outeiro de Rei é único na comarca na forma de cobrar impostos, taxas e prezos por algún servizos públicos.




O concello de Outeiro de Rei é sen dúbida o concello cos impostos máis altos de toda a comarca, con IBIs totalmente desorbitados e sen ter en conta a natureza ou condicións das persoas que viven nesas casas ou cunha taxa de enganche da auga que asusta a calquera persoa que chegue de novo ao concello, superando moi amplamente os 1.200€ por engancharse á traída pública da auga.


Calquera persoa “normal” podería pensar que pagar estes elevados impostos podería levar consigo ter uns servizos municipais modélicos e, loxicamente, totalmente gratuítos, pois estes servizos xa se pagan previamente en forma de impostos.


Nada máis lonxe da realidade. Non só estamos nun concello onde non hai, por exemplo, un centro de DIA para persoas maiores, senón que calquera certificación que se pida no concello temos que pagar a correspondente taxa por ela, cuestión que non pasa en ningún concello do contorno, como son, por exemplo, os concellos de Begonte ou Lugo ou mesmamente na Deputación. Estamos a falar do que coloquialmente se chama "repago".


Por exemplo, pedir un certificado de empadroamento en Outeiro custa 3 €, prezo que non teríamos que pagar se o pedíramos en Begonte ou en Lugo. O mesmo ocorre cun certificado de signos externos, que en Outeiro ten unha taxa asociada e na Deputación é totalmente gratuíto.


A única explicación que ten todo isto é a inmenso burato que o Alcalde está a provocar nas finanzas do concello coa súa política de contratación de persoal, onde o número de persoal contratadas no concello non se corresponde co tipo de concello ou cos servizos que o concello xestiona directamente. 

Ao mellor, a explicación atópase nos nomes das persoas que acaban traballado no concello e a relación que estas teñen cos pesos pesados do PP no concello, co Alcalde, co ex-alcalde ou coa amizades e familiares destes.