O Alcalde volve a mostrar unha total insensibilidade ante os problemas sociais dos seus veciños e veciñas
O Goberno Central aprobou, en setembro de 2013, unha
resolución pola cal as persoas enfermas crónicas non hospitalizadas na sanidade
pública terán que pagar una parte dos medicamentos precisos para tratar as
doenzas que padecen. Este copagamento ven sendo un “imposto á enfermidade” e
fica cuantificado nun 10% do valor (até un máximo de 4,20 euros) de cada un dos
42 medicamentos incluídos na medida. Estamos a falar de doenzas graves, tales
como o cancro, tumores, leucemia, hepatite C, entre outras, e dun grupo de
doentes que necesitan grande cantidade de medicación polo que este imposto,
aprobado polo PP, significa unha carga moi importante para a economía das
persoas máis desfavorecidas.
En Outubro de 2013 o Bloque propuxo á Corporación de
Outeiro de Rei un acordo para instar á
Xunta a solicitar do Goberno Central a derogación da mencionada resolución ou
proceder á non aplicación en Galiza da mesma. O portavoz do BNG resaltou que a
medida antisocial aprobada polo Executivo estatal contribúe a aumentar o
sufrimento que padecen estas persoas e contrasta coa política practicada de
agasallar con millóns e millóns a banqueiros e a especuladores.
O alcalde presidente, señor Pardo, anunciou o voto do
Partido Popular en contra da proposta do BNG, afirmando contundentemente que
hai que pagar porque “non queda outra
saída e as contas teñen que cadrar” e mesmo facendo comparanza coa débeda
do estado que o seu propio partido fai medrar cada día: “claro
que me parece mal que os enfermos teñan que pagar pero tamén me parece igual de
mal ter unha débeda pública do 100% do PIB”.
Na xustificación da súa postura a favor de que as persoas
enfermas paguen polos medicamentos, o alcalde chegou mesmo a dar por ben empregadas as cantidades
millonarias agasalladas á banca: “ou se
deixan caer os bancos ou se aportan cartos para salvar a situación”
manifestou. No remate da intervención, e antes de votar en contra, afirmou que
“se algún veciño precisa axuda para
mercar medicamentos terá apoio a través dos servizos sociais que é como se ten
que facer en dereito”.
Claro, deste xeito sempre lles poderá vender o favor na canto de iso sexa un dereito que teña adquirido.