venres, 6 de febreiro de 2015

Ausencia de Plan de Urbanismo



 A elaboración dun Plan de Urbanismo impediríalle ao Alcalde "caciquear" cos cambios nas normas de urbanismo

O BNG ESÍXELLE AO ALCALDE A SUSPENSIÓN DA DELIMITACIÓN DE POLÍGONOS QUE AFECTARÁ A MÁIS DE 200 PROPIETARIOS

 No pasado mes de marzo, o BNG denunciou publicamente a actuación do alcalde de Outeiro de Rei, e do Partido Popular, por iniciar un proceso sen sentido neste momento e moi custoso para todas as persoas afectadas.



Por decreto da alcaldía, asinado o 6 de febreiro deste ano, o concello iniciou un proceso para a delimitación de polígonos urbanos en ámbalas dúas marxes da N-VI ao seu paso por Outeiro de Rei. Esta actuación obedece a un capricho urbanístico do alcalde, que non xustifica a necesidade e o motivo de tal actuación en ningunha das memorias de pertinentes, e que neste momento, só serve para meter á xente en gastos innecesarios.

A actuación programada polo goberno municipal, entre outras cousas, pretende a creación de dúas vías de servizo e a súa urbanización nas dúas marxes da N-VI. Este proxecto suporá que osveciños e veciñas teñan que asumir os custes de urbanización, que perdan parte de seus terreos e o derrubo de varias vivendas e algún edificio público (o PAC).

Non é de recibo que o alcalde actualice agora as Normas Subsidiarias aprobadas hai mais de 20 anos, para adaptalas neste caso, á Lei do Solo do ano 2002, cando se demostran como un instrumento obsoleto que el cambia a capricho continuadamente, causando un grave prexuízo a moitos veciños e veciñas.

O goberno municipal co alcalde á cabeza, actuou cunha falta de transparencia manifesta neste caso, comunicándolle ás persoas afectadas a súa situación un mes despois de que saíse publicado no BOP o decreto da alcaldía. Non é comprensible que neste momento de recesión económica e inmobiliaria lle entre tanta présa por desenvolver a urbanización da vila, máxime cando xa está no Parlamento Galego un proxecto de modificación da Lei de Solo que deixará sen efecto a lei aprobada no ano 2002.

 

200 SINATURAS OPOÑÉNDOSE AO PROXECTO DO ALCALDE

O pasado mes de maio, o BNG convocou unha xuntanza informativa, a que acudiron preto de cincuenta veciños e veciñas . Desta xuntanza saíu unha comisión que foi a encargada da recolleita de sinaturas, e na que se solicita que o Concello retire a delimitación de polígonos e desenvolva un Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOM) para todo o concello.

Foron preto de douscentos veciños e veciñas os que manifestaron a súa oposición á delimitación de polígonos deseñada polo alcalde, e así o demostraron no escrito presentado no Concello.



O BNG seguirá insistindo no concello para que deixen este proxecto e se aborde con seriedade, os problemas urbanísticos que existen no concello, xerados pola política urbanística de favores e caprichos practicados polo PP.