sábado, 11 de abril de 2015

Outro "sobre" para os concelleiros do PP de Outeiro de Rei



É A FORMA DE REPARTIR OS SOBRES DO ALCALDE DE OUTEIRO: CONVOCAR UN PLENO EXCLUSIVAMENTE PARA ENTREGAR CARTOS AOS SEUS CONCELLEIROS


Cada concelleiro lévase 180€ por pleno. Nun pleno de vinte minutos repártense 1.800 €. Sae o minuto a 90 €.

Non existía ningún motivo de urxencia ou de prazo que xustificara a convocatoria extraordinaria.

A cantidade que lle corresponde ao concelleiro do BNG vai integramente e de forma directa para o funcionamento da organización e é o que se usa, por exemplo, para mandar os boletín informativos a todas as veciñas e veciños do concello.


Este venres 10 de abril, o alcalde de Outeiro convocou un Pleno Extraordinario sobre un tema de urbanismo como único punto na orde do día. Ao BNG sorprendeulle moito esta convocatoria, pois vaise celebrar, coma sempre, o Pleno Ordinario dentro de 15 días, o último venres de abril. Ademais, nestes últimos plenos ordinarios os únicos puntos na orde do día son practicamente as iniciativas do BNG, xa que é o único grupo que está a presentar mocións ou preguntas nos plenos.

Ante esta situación, preguntamos se había algún motivo para esta convocatoria extraordinaria, se era unha cuestión de prazos ou había algún motivo de urxencia, cuestións que quedaron completamente descartadas.

A conclusión posible entón foi que o único motivo desta convocatoria era a de repartir unha gratificación entre os seus concelleiros antes do remate da lexislatura. Supoñemos que o silencio e a complicidade destes nas cacicadas durante estes catro anos necesitaban un pagamento máis.

Hai que lembrar que o pago por asistencia aos plenos en Outeiro de Rei é o máis elevado da provincia, cunha asignación de 180 € por sesión. Tendo en conta a moi curta duración destes, e que habitualmente o Alcalde convoca as comisións que creou exclusivamente para os seus concelleiros, polo que cobran outros 80 €, resulta evidente o rendible que lles sae a estes o par de horas que, como moito, pasan no concello.

Ante a postura do BNG manifestando todas estas cuestións no Pleno, a resposta do Alcalde foi a de sempre cando non pode dar ningunha explicación razoable: “xa dirán as veciñas e veciños de Outeiro nas próximas eleccións se isto lle parece ben ou mal”. 
Que tomen nota os cidadáns de Outeiro! Cambiar esta forma de gobernar está nas súas mans para maio.