mércores, 25 de marzo de 2015

ACONTECEU NESTA LEXISLATURA (IV): O fascismo do Alcalde para tapar as "falcatroadas" do seu partido en Pascual

ELIMINA UN PUNTO DA ORDE DO DÍA PARA QUE AS TRABALALDORAS E TRABALLADORES NON O VEXAN VOTAR EN CONTRA


Situemos o acontecido en plena desfeita de “Alimentos Lácteos” (a antiga Pascual). Estamos a finais do ano 2.012 cando os traballadores e traballadoras, co apoio incondicional da CIG e do BNG, tentan evitar que unha empresa tan importante, radicada en Outeiro, desapareza. O historial de desastres fora longo até o intre presente e nel participaran a propia Xunta de Galiza e recoñecidos membros do Partido Popular, nomeadamente dous ex-cargos do dito partido que foron os xestores encargados de conducir a empresa á quebra facendo “desaparecer” varios millóns de euros e deixando débedas por toda a comarca. Mentres isto acontecía o alcalde de Outeiro, Señor Pardo, e o conselleiro de agricultura que organizara a montaxe, Señor Juárez, ficaban calados.

Daquela, no Pleno celebrado o 28 de nadal do citado ano 2012, o Comité de Empresa de Alimentos Lácteos presentara un escrito pedindo o apoio da Corporación. Ese mesmo día ían ser debatidas outras dúas mocións relacionadas coa grave situación padecida polas persoas afectadas na propia empresa e na comarca, que eran numerosas, presentadas pola CIG e polo BNG respectivamente. Unha vez aprobada por unanimidade a presentada polo mencionado Comité de Empresa o Alcalde, facendo gala do seu concepto autoritario: democracia é o que eu digo, retirou unilateralmente o punto 6º da Orde do Día presentada previamente aos grupos políticos do Consistorio. Neste punto figuraban as dúas Mocións que interpuxeran en tempo e forma a Confederación Intersindical Galega e o Bloque Nacionalista Galego.

Xa vemos. Cando non quere votar favor e non pode votar en contra porque están as traballadoras e traballadores diante, simplemente “fúmase” o punto da orde do día.
Esta é a forma de exercer a democracia do Alcalde!