venres, 13 de febreiro de 2015

Moción para a limpeza dos ríos



O BNG intentou que o concello facilitara a retirada das árbores secas e caídas nos leitos dos ríos do concello

Estas árbores podían ser aproveitadas polos veciños e veciñas para leña

Unha vez máis o Alcalde négase a aprobar unha reiterada demanda da xente de Outeiro




No pleno do mes de outubro, o BNG propuxo que o concello xestionase os permisos para a retirada das árbores secas e deitadas que tanto abundan nos ríos do concello e que ademais están a causar un grave prexuízo tanto para as fincas limítrofes como para o propio río. 

Tratábase simplemente de que o Concello levara a cabo os trámites necesarios nas dúas ou tres administración distintas con competencias nesta materia e así xestionara os permisos necesarios para que, unha vez concedidos, puidera este permitir aos veciños que o solicitaran retirar estas árbores e poder así aproveitalas para leña, tal e como se leva dende tempos inmemoriais.

Deste xeito conseguiríase un dobre obxectivo: por unha banda os veciños e ceciñas poderían aproveitar estas árbores para leña, aforrando o combustíbel que tan caro resulta e o cal xa moita xente non pode comprar e, por outra banda, tamén se retirarían estas árbores do río, arbores que tanto dano están a facer tanto no campo de saúde do río como no meramente estético.

Nunha segunda etapa, tamén se proporía que o propio concello xestionara a retirara aquelas árbores que quedaran, ben chegando a acordos con outras administracións ou ben retirándoas directamente. A propia leña podería cubrir unha boa parte dos gastos levándoas ás plantas de coxeneración que existen na comarca.