venres, 27 de febreiro de 2015

Entrevista a Xosé Ferreiro no Terra Cha Xa



Xosé Ferreiro, candidato do BNG en Outeiro de Rei

“As liñas principais do noso programa electoral xiran en torno a conseguir que todos e todas elas se sintan como cidadáns no canto de súbditos”

Nome e apelidos: Xosé Ferreiro Fernández

Profesión: Licenciado en Física, Profesor de Matemáticas

- Esta é a primeira ocasión na que se postula como alcaldable do seu partido. Como afronta estes novos comicios? Con que obxectivos?
Máis que candidato a Alcalde, gústame dicir que son un membro máis dun equipo que quere cambiar o concello porque creo que pode mellorar moito. Conseguir un concello democrático, no que todas as veciñas e veciños teñan as mesmas oportunidades e onde a nosa mocidade non se vexa obrigada a ter que marchar é o obxectivo que nos dá o ánimo e a ilusión necesaria para traballar neste proxecto de futuro.

- Cales son os seus principais puntos do programa electoral?
Aínda faltando as aportacións que recibamos das veciñas e veciños, as liñas principais xiran en torno a conseguir que todos e todas elas se sinta como cidadáns no canto de súbditos.
Logo diso, acadar un plan de urbanismo para impedir que se siga a caciquear en cada momento en función dos intereses do construtor amigo ou do círculo do Alcalde, dar oportunidades á mocidade para que non teña que emigrar, loitar contra o desemprego, desenvolver e potenciar o tecido produtivo e as potencialidades do concello, ampliar, mellorar e facer asumibles para todos e todas os servizos públicos municipais, tanto no rural como nas urbanizacións novas, é poñer en valor todo o noso inmenso patrimonio natural e cultural, son outros eixos do programa no que estamos a traballar.

- Algunha actuación concreta para desenvolver nun período determinado?
Conseguir que a Casa do Concello volva a ser de todas e todos os cidadáns para que a sintan como súa outra vez, traballar para e coa mocidade a fin de evitar que fuxan do concello e a elaboración do Plan de Urbanismo feito para o pobo e que non “espante” as persoas honradas, son puntos que non pode esperar máis.

- No caso de ser elixido alcalde, que modelo de rexedor seguiría?
Non creo nos líderes individuais. Creo nos proxectos colectivos. Un Alcalde que estea preto do pobo e que sempre actúe en conciencia, aínda cando se equivoque, é para min o único modelo de rexedor.

- Como definiría a xestión do actual rexedor na última lexislatura?
Un goberno feito exclusivamente para beneficio da xente do entorno do seu partido e das persoas da súa familia e achegadas. Non hai máis que ver os nomes do persoal que “traballa” para o Concello ou quen obtén as concesións municipais.

- Cre que deberían estar limitados o número de mandatos na alcaldía?
Non necesariamente. Creo que é unha decisión dos cidadáns que son os que teñen que avaliar o traballo dos seus gobernantes co seu voto.
Para o BNG, máis que a limitación dos tempos, o principal son as políticas que se levan a cabo, independentemente das persoas que as desenvolven.

- E como defendería as políticas do seu partido de cara aos veciños e veciñas do municipio?
Unha sociedade non pode prosperar se non pon en valor o que é dela, se non se sinte orgullosa do que é, do que ten e de onde vén.
Esa é a aportación principal do BNG. Non fai falta que ninguén de fóra nos veña dicir o que temos que facer nin como o temos que levar a cabo. Polo tanto, non imos aceptar que ninguén nos impoña o xeito de facer política,  nin Madrid, nin Europa, nin quen sexa.

Só estamos ao servizo do noso pobo.