“A rosácea do cruceiro da Trabanca”(I)
A figura xeométrica da rosácea é un dos motivos máis
representados na arte popular de Galiza. Esta figura aparece vencellada á
arquitectura popular e relixiosa: casas, cabaceiros, cruceiros, chantas de
enterramentos, etc. Tamén se utilizou na decoración de artesas para amasar o
pan, escanos e mesmo en ferramentas utilizadas na vida diaria, especialmente
engalanando os xugos do carro.
Entremedias dos lugares da Trabanca e Quintián (Santa
María de Cela) pódese ver un excepcional cruceiro, asentado á beira do río
Miño, no emprazamento onde estaba a desaparecida igrexa vella da parroquia. Na
cara orientada ao nacente presenta unha imaxe de Nosa Señora con súas mans xuntiñas
en sinal de oración. Nos extremos dos brazos da cruz, aínda que moi
deteriorados, é doado apreciar dous fermosos elementos decorativos: un círculo
con radios e una rosácea de seis pétalos.
“A rosácea do cruceiro da Trabanca”(II)
O papel decorativo que hoxe en día desempeña o símbolo da rosácea tivo
seguramente unha función protectora na súa orixe chegando até nós logo de
percorrer un longo camiño dende o fondo da historia. Como elemento apotropaico aparece
na cultura castrexa e foi moi común baixo a dominación romana. Continúa presente
durante a cristianización, na arte románica e na tradición popular do noso pobo,
tal como vemos no mencionado cruceiro da Trabanca.
Este cruceiro posúe idéntica factura a outro
exemplar existente en Santa María de Bravos (Vicinte), o cal fica asentado ao
pé da capela románica construída no lugar citado. Tal elemento patrimonial
presenta nos extremos de ambos brazos da cruz, onde figura a imaxe de Nosa Señora
en actitude oratoria, un círculo con radios e unha rosácea de seis pétalos,
repetindo o mesmo modelo que se pode observar no de Cela.
“A rosácea do cruceiro da Trabanca”(III)
O excepcional exemplar de cruceiro existente na Trabanca sinala a relevancia
do punto xeográfico onde está enclavado. A conservación e posta en valor deste
elemento patrimonial é importante para a memoria colectiva da propia parroquia
de Cela e do concello de Outeiro. Ao seu carón estaba a igrexa vella, derrubada
por mediados do século pasado, asentada na marxe esquerda do Miño. Por aquí
pasaba o camiño principal que baixaba cruzar o río polo paso natural máis significativo
existente antes das ínsuas: o Porto de Riba,
situado no antedito lugar da Trabanca, o cal conducía aos viaxeir@s en
dirección ás chairas de Begonte e Vilalba
Neste enclave veciñas e veciños celebraron, dende tempo inmemorial, as
festas e actos sociais comunitarios e mesmo baixo a súa presenza ficaron
soterrad@s @s meniñ@s que morreran sen
bautizo, ficando de tal modo unidos á parroquia
dos defuntiños, que moraban no camposanto próximo, tod@s baixo a protección
do omnipresente cruceiro asentado na veiguiña aquí existente.